xoves, 28 de abril de 2016

Visita ao humedal do Burgo

O pasado 26 de abril acudimos co curso de 1ºESO A ao humedal da ría do Burgo para facer unha observación das aves que frecuentan a zona.
Tivemos a sorte de que nos acompañara un marabilloso día e guiados por Antonio Sandoval (Presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía) puidemos contemplar diversos exemplares: unha garceta, un corvo mariño, un mazarico, unha gaivota chorona, numerosos cisnes, un miñato voanado ao lonxe e varios parrulos.
Engadimos varias fotos alusivas da zona.


martes, 19 de abril de 2016

Castro de Elviña e Castelo de San Antón



O 17 de marzo fixemos unha saída ao Castro de Elviña cos alumnos de 1º A.  o noso principal obxectivo é que visen como era o lugar onde  vivían os castrexos.





O dia 4 abril completamos a visita anterior cunha saída ao Castelo de San Antón, onde viron, entre outras cousas, restos materiais do pobo castrexo.



luns, 18 de abril de 2016

Viaxe a Vilariño (Guitiriz)


O pasado 7 de abril viaxamos a Guitiriz para reencontrarnos co alumnado do IES Xosé María Díaz Castro e visitar a aldea na que naceu este recoñecido persoeiro das Letras Galegas (tamén o contamos en lerunmardecontos). Alí fomos moi ben recibidos por profesorado e alumnado que nos acompañaron a Vilariño. Realizamos diversas actividades, todas marabillosamente dirixidas polo alumnado de Guitiriz, que primeiramente nos dividira en grupos. A primeira era sobre Xogos tradicionais, outra relacionada coas Árbores e a súa idade, outra sobre a Escola naquela época e finalmente unha centrada en Díaz Castro e o seu poema máis coñecido "Penélope". A seguir incluímos algunhas fotos.


luns, 11 de abril de 2016

Nace un carballo

O 15 de marzo de 2016 o alumnado de 1ª ESO A colaborou connosco no Proxecta MAR E NATUREZA plantando un carballo na parte dianteira da nosa escola, o IES Urbano Lugrís da Coruña. A tarefa durou pouco tempo, mais agardamos que se vaia aclimatando, bote raíces e medre con ganas para que toda a comunidade educativa poida visualizalo e tamén nos represente, xunto co acivro, plantado no 2015, como árbore senlleira da nosa terra. Incluímos unhas fotografías do evento.

O traballo dun percebeiro


O día 3 de novembro, dentro do programa "Festival Mar de Mares",  veu á escola o percebeiro Xulio Álvarez para contarlle ao alumnado de 2º da ESO en que consiste o seu traballo.
A seguinte saída fixémola o 20 de novembro polos arredores da Torre de Hércules. O percebeiro comezou a visita na Praia de Santo Amaro e fomos seguindo a liña da costa, mentres lle comentaba ao alumnado de 2º ESOA e 2º ESO B cales eran as zonas onde recollían máis percebe, por exemplo pasando O Grelle, na zona do Redondo, por Punta Herminia e ata pasar as rochas do Boi, a Vaca e o Becerriño. Rematamos a visita preto do Areal situado nas proximidades da Torre de Hércules, coa promesa de facermos a mesma visita desde Riazor ata o Portiño. Resultou unha saída moi atraente e entretida, dado que os rapaces só coñecían este oficio de oídas, aínda que moitos deles tiñan familiares que participaban de forma directa na mesma. A seguir incluiremos algunhas fotos.





sábado, 9 de abril de 2016

Beleza con mar de fondo

En filosofía, cando nos poñemos, reflexionamos con argumentos, con palabras... mais tamén somos capaces de facelo con imaxes (e outros;)
En 1º de Bacharelato neste curso puxéronse un chisco creativos e realizaron unhas creativas fotos tratando de dar resposta á pregunta "Que é para ti a beleza?
Algunhas delas, como quen non quere a cousa, teñen o mar nalgures...
Estiveron expostas na entrada do instituto e agora decoran a aula do primeiro curso de bacharelato 

Aquí tendes algunha delas: 

Sheila Pérez Pena

"Non hai maior beleza que a dunha verdadeira amizade"
Sara Quindimil Vázquez

Alejandro Espiñeira Lineros


"Gastamos dinero que no tenemos, en cosas que no necesitamos, para impresionar a gente a la que no importamos"
Juan Manuel Sandino


martes, 5 de abril de 2016

Plantando un acivro


O 26 de outubro de 2015 o alumnado de 1ª ESO A colaborou connosco no Proxecta MAR E NATUREZA plantando un acivro na parte dianteira da nosa escola, o IES Urbano Lugrís da Coruña. A tarefa en si durou escasos 10 minutos, mais agardamos que se vaia aclimatando, bote raíces e medre con forza para que toda a comunidade educativa poida visualizalo e tamén nos represente, como árbore senlleira da nosa terra. Incluímos unhas fotografías do evento.

Adela e Miren

luns, 4 de abril de 2016

Natureza e números

NATUREZA E NÚMEROS



Está máis que recoñecido que A Matemática é moi importante polas súas aplicacións no campo da Ciencia e a Tecnoloxía e que grazas a ela desenvolvéronse moitas das súas teorías. É tamén sabido que as matemáticas son esenciais no día a día: cando realizamos a cesta da compra, amoblamos a nosa casa, medimos o tempo... etc., non hai nin un só día no que os números non nos asalten.
Con todo A Matemática tamén forma parte da arte, a música e máis aínda, son esencia da vida, de todo aquilo que nos rodea, miremos onde miremos a natureza respira dela.
Mediante esta actividade queremos que os alumnos sexan realmente conscientes de que eses pequenos e non tan pequenos seres que habitan xunto a nós son o que son grazas a que existen os números e as súas relacións.
Visualizaremos o vídeo nature by numbers creado por Cristóbal Vila e a partires del descubriremos a serie de Fibonacci e a Proporción Áurea e a súa relación coas cunchas do náutilos, o Ángulo Áureo e a súa relación cos xirasoles e finalmente as Teselacións de Voronoi e a  súa relación coas ás dunha libélula.
Isto será tan só unha ínfima mostra da Matemática da que respira a vida que nos rodea.

Tras visualizar o vídeo e explicar estes conceptos matemáticos a través da
páxina creada por Cristóbal Vilas os alumnos crearán unha espiral a partires da serie de Fibonacci e poderán decorala ou colorearala e expoñela na aula.

GRUPO: 1º ESO-A
Profesora: Raquel de Arriba Pastor


domingo, 3 de abril de 2016